Friday 17 de May de 2024

Traballo creará os ‘Premios RSE Galicia’


A Consellería de Traballo e Benestar inicia a tramitación para a constitución destes galardóns que se convocarán por primeira vez en 2015

A Consellería de Traballo e Benestar creará os ‘Premios RSE Galicia’ que recoñecerán publicamente a aquelas empresas galegas ou con centros de traballo en Galicia que nas súas políticas e sistemas de xestión implanten e poñan en funcionamento os principios e prácticas de responsabilidade social empresarial. Para a constitución destes galardóns, o departamento autonómico vén de iniciar a tramitación necesaria co obxectivo de convocar a primeira edición deste certame en 2015.

Os ‘Premios RSE Galicia’ terán unha periodicidade anual e un carácter honorífico. Carecerán de dotación económica, xa que se trata de recoñecer publicamente o labor que realizan as empresas que adoptan principios e prácticas de RSE. É unha maneira de difundir publicamente o esforzo que neste campo levan a cabo as empresas galegas nas comunidades onde desenvolven a súa actividade e ao mesmo tempo sensibilizar ao empresariado galego sobre a importancia de incorporar a RSE na súa xestión. O Goberno galego tamén pretende con esta iniciativa concienciar á opinión pública sobre a importancia desta forma de xestión empresarial.

Aos galardóns poderán optar as empresas públicas e privadas galegas que a través das súas políticas e sistemas de xestión desenvolvan actuacións responsables demostrando, así, o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran os requisitos establecidos na orde de convocatoria. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

O certame contará con catro modalidades ou recoñecementos: o ámbito social, o eido ambiental, económico e da conciliación laboral, familiar e persoal. O fomento da conciliación vai en consonancia co Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, que inclúe entre as súas medidas o fomento de actuacións de conciliación entre as pequenas e medianas empresas.

No eido social teranse en conta aspectos tales como a creación e calidade do emprego, a diversidade, igualdade, integración social, formación, acción social, compromiso coa comunidade local ou calquera outro que redunde neste ámbito. No ámbito ambiental premiarase o impacto ambiental que xera a empresa na súa actividade e no económico teranse en conta aspectos tales como a innovación, a calidade e a ética empresarial.

Por último, no recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal valorarasen as actuacións que faciliten no seu cadro de persoal a conciliación a través de medidas como a reorganización de tempos e espazos; recursos e estruturas para o coidado doutras persoas; medidas que posibiliten o seu desenvolvemento persoal; ou a modificación de roles entre mulleres e homes que fomenten a implicación de ambos coa familia.

Os ‘Premios RSE Galicia’ contarán con tres categorías segundo o tamaño da firma: pequena empresa para aquelas que conten ata con 50 persoas, inclusive; mediana empresa, máis de 50 e ata 250 traballadores e traballadoras, inclusive; e, por último, grande empresa para aquelas que ocupen a máis de 250 persoas.

Un xurado de profesionais
Estes premios, cuxa resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), serán outorgados no transcurso dun acto público. O fallo dos galardóns correrá a cargo dun xurado que estará composto por membros da Xunta, así como por representantes das organizacións empresarias e sindicais máis representativas de Galicia. Tamén formarán parte persoas expertas en materia de RSE.

A convocatoria destes premios está previsto no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014), que ten entre os seus obxectivos fomentar a RSE para incrementar o número de empresas socialmente responsables.